Tuesday 17 de September de 2024

A Xunta financia a actividade científica de 112 grupos e proxectos de investigación, aos que destina 19M€


– Educación apoia os equipos máis competitivos do sistema do I+D+i galego: 33 na UVigo, 32 na USC, 26 na UDC e 21 noutros organismos

– O Goberno galego leva mobilizado máis de 242M€ son mais para estes grupos, o que garante que hoxe haxa 427 en activo, o máximo histórico acadado ata o de agora

A Xunta de Galicia apoia o funcionamento dos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o período 2024-2027 cunha inxección de 19M€.
A través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, o Goberno galego financia o funcionamento estrutural e estable dun total de 112 grupos e proxectos de investigación do sistema de I+D+i de Galicia, 91 deles nas tres universidades públicas (33 na UVigo, 32 na USC e 26 na UDC) e os outros 21 noutros organismos científicos públicos de investigación en Galicia. Concretamente, estes últimos desenvolverán os seus traballos nas fundacións galegas de investigación sanitaria e nos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.
O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación para desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso. Trátase, por tanto, dunha acción que permitirá seguir dotando o sistema investigador de estabilidade e impulsando a súa excelencia.

Con cargo á mesma, o Goberno galego leva mobilizado máis de 242 millóns de euros para estas entidades grupais, o que garante que a día de hoxe haxa 427 grupos cunha actividade investigadora constante, o máximo histórico acadado ata o de agora.

As modalidades
A convocatoria resolta inclúe o apoio a grupos de referencia competitiva (modalidade A), a grupos con potencial de crecemento (modalidade B) e a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente (modalidade C).

Nesta convocatoria, benefícianse un total de 38 grupos de referencia competitiva (modalidade A). Deles, 32 nas universidades públicas galegas e seis noutros organismos de investigación de Galicia, que reciben entre 200.000 e 400.000 euros en función dunha contía estrutural e outra variable asociada á súa evolución e xeración de recursos. Estes grupos caracterízanse por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

Os grupos con potencial de crecemento (modalidade B) son os que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia. Neste caso hai 36 beneficiados (29 grupos nas universidades e sete noutras entidades investigadoras), que disporán de axudas ao longo de tres anos cunha contía máxima que oscila entre os 90.000 e os 120.000 euros para o período.

Na Modalidade C, destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, benefícianse un total de 38 proxectos (30 deles nas universidades e oito noutras entidades investigadoras). Neste caso refórzase o labor dos científicos máis activos do sistema que obtiveron unha axuda do Programa Ramón y Cajal, do Juan Rodés e do Miguel Servert, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

Contratación de persoal e gastos diversos
As axudas das tres modalidades van destinadas ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e custos de matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.

Tamén son conceptos subvencionables as estadías de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

Esta acción enmárcase dentro do conxunto de iniciativas de apoio económico por parte do Goberno galego para a consolidación dun sistema galego de I+D+i que camiñe cara á excelencia e cara ao recoñecemento internacional, a través de convocatorias como esta ou as dirixidas ás estruturas supragrupais, como son os 10 centros de investigación acreditados das tres universidades galegas agrupados baixo o selo identificativo CIGUS, Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego.